Claudio Rodríguez Fer recibe a Medalla Miahai Eminescu “polos méritos da súa actividade cultural nacional e mundial”
O escritor galego e profesor na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, Claudio Rodríguez Fer, acaba de recibir a Medalla Mihai Eminescu “polos seus méritos na actividade cultural nacional e mundial”, así como o Premio de Historia e Crítica Literarias “polas súas consideracións estéticas e a súa participación creativa sobre a poesía mundial”, distincións outorgadas en ambos casos polo Comité Executivo da Academia Internacional Mihai Eminescu de Romanía durante o Festival Mundial de Poesía celebrado este mes de xuño en Craiova e Calafat.
A Academia Internacional "Mihai Eminescu", que leva o nome do principal escritor romanés e que preside o poeta e profesor universitario Ion Deaconescu, organiza anualmente un Festival Mundial da Poesía, unha cita de xa longa traxectoria no marco da que a academia concede os seus premios a destacadas figuras de diversos internacionais.
A relación de Claudio Rodríguez Fer con Romanía vén xa de lexos. De feito, a súa antoloxía bilingüe ‘Máis alá do bosque’ foi traducida ao romanés hai xa un lustro polos filólogos Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu. O propio poeta e docente da USC asistiu en 2019 á presentación da obra no Museo da Literatura de Bucarest. Asemade, en 2021 Rodríguez Fer dedicou á cultura romanesa o poemario ilustrado ‘ADN do infinito’. Algunhas das composicións incluídas no volume e traducidas ao romanés por Adina Ioana Vlaude foron logo recitadas con gran éxito polo propio autor durante a última edición do Festival Mundial de Poesía.
Claudio Rodríguez Fer é autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Reuniu a súa lírica en ‘Amores e clamores’ e a súa narrativa en ‘Contos e descontos’, así como poesía visual en ‘Cinepoemas’ e ‘Corpoética’. Está traducido a numerosos idiomas e o seu poema “A cabeleira” publicouse en setenta linguas dos cinco continentes da Terra.
Alén do seu cometido como docente universitario, Claudio Rodríguez Fer dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e a revista Moenia da USC, coordina os cadernos interculturais Unión Libre e foi profesor universitario en Nova York, París e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa). Publicou libros e edicións sobre Emily Dickinson, Dostoievski, Verne, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Neruda, Cernuda, Ferré, Brassens, e moi numerosos escritores galegos, como Castelao, Dieste, Pimentel, Fole, Ángel Johán, Carballo Calero, Luz Pozo Garza, Granell, Díaz Pardo e Valente.
O último galardoado coa Medalla Mihai Eminescu, recibiu xa antes diversos premios en áreas literarias (Premio Nacional da Crítica por ‘Tigres de ternura’), investigadoras (Premio Losada Diéguez por ‘Poesía galega’ e ‘A literatura galega durante a guerra civil’), académicas (Premio Extraordinario de Doutoramento) e cívicas (Premio Galiza Mártir de Memoria Histórica).
Ademais da concesión desta distinción, a Fundación Europea Mihai Eminescu, en colaboración coa dita Academia Internacional homónima, acreditou a Claudio Rodríguez Fer cun diploma de embaixador cultural “pola comprensión das culturas diferentes, a promoción do herdo espiritual e a cooperación literaria” entre as culturas do mundo, un labor intercultural que o autor galego vén realizando dende a súa mocidade.